xoves, 25 de abril de 2024

A XXVI MOSTRA DE TEATRO DE ENSINO SECUNDARIO DO MORRAZO NO SEI SAN NARCISO

 

Cartel da Mostra: Judith Diéguez García, do Ues Johan Carballeira de Bueu
 premiado no Concurso de Carteis.

 Martes 23 de abril

10.15 Inauguración da Mostra coa actuación especial do Ballet de Galicia. Saúdo de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024.


11.15 AULA DE TEATRO SEI SAN NARCISO (MARÍN): 

AS MULLERES DETRÁS DE PICASSO, NIN MUSAS, NIN SUBMISAS. 

Versión dramática a partir do texto homónimo de Eugenia Tenenbaum.  

 FRANÇOISE GILOT: Rocío López

 GERMAINE/DORA MAAR: Ainhoa del Río

 FERNANDE OLIVIER: Claudia Méndez

 EVA GOUEL, Mme RENAULD: Carmen Estévez

 XERTRUDE E SILVETTE DAVID:  Emma Freire

 OLGA KHOKHLOVA: Cristina Boullosa

 MARIÉ THÉRESSE: Uxía Novegil

 GENIEVE LAPORT:  Victoria Gil

 JACQUELINE: Antía Argibay Dopazo

PICASSOS, MINOTAUROS E OUTROS HOMES: Diego González, Iago Otero, 

Quercus Troitiño, Álex Díaz, David Fuentes e Óscar Mathieu, Mulu Nieto. 

PAULO PICASSO: Hugo García Muñiz.

MÚSICA EN VIVO: Ainhoa del Río, Antía Argibay. 

TEMAS MUSICAIS: Guadi Galego, Abraham Cupeiro e As Fillas de Cassadra

LUZ E SON: Hugo Rosales e Breixo Pazos.

ESCENOGRAFíA: Teresa González e Darío Suárez. DIRECCIÓN:  Héctor Silveiro.

Sinopse: Obra dramatizada pola Aula de Teatro Sei San Narciso a partir do texto homónimo de Eugenia Tenenbaum. É unha reflexión que reivindica liberarse da sombra na que aínda están non só as mulleres que conviviron co artista, senón tamén miles de milleiros de mulleres silenciadas que loitaron, e loitan, contra unha historia cargada de silencios e discriminación. Unha homenaxe ás mulleres que non calaron, que coñeceremos pola boca das que viviron canda ao pintor.  



12,15 COLOQUIO SOBRE A OBRA CON EUGENIA TENENBAUM

 Charla de actrices e o público coa autora do texto orixinal da obra representada.

EUGENIA TENENBAUM: (Santiago de Compostela, 1996) Galega afincada en Madrid.  É unha historiadora da arte, comunicadora cultural, autora e activista feminista e LGBT+.

Tenenbaum tomou o seu pseudónimo da película The Royal Tenenbaums de Wes Anderson.​ Comezou o seu traballo como publicista en redes sociais e, en 2022, publicou o seu primeiro libro La mirada inquieta, no que introduce a perspectiva de xénero no mundo da arte ao longo da historia.​ No seu traballo como publicista tamén trata temas como a literatura, o feminismo, o lesbianismo,... É unha das divulgadoras de arte máis seguidas nas redes en castelán.


Mércores 24 abril

   10,15. COMEDIANTES ANÓNIMOS DO IES JOHAN CARBALLEIRA (BUEU):

PLAN DE RESCATE

Versión e dramaturxia de Fran Paredes a partir do relato literario de ANTÍA YÁÑEZ

ELENCO: Valeria García, Asier Belaustegui, Andrés Belaustegui, Mateo Barcia, Nicolás Gago e David Cao.  Colaboración especial de Antía Yáñez

VÍDEO: Miguel Mosqueira

ESPAZO LUMÍNICO E SONORO: Santiago Dopazo

PRODUCIÓN: Asun Sóñora e Félix Boullosa

DIRECCIÓN: Rosa Domínguez e Fran Paredes

Sinopse: Xeila, Héitor, Aldán e Noel están traballando na aula de apoio do seu instituto co profe David cando algo raro acontece… Ninguén vai crer nada da historia que virá deseguido, porque nela, á parte de moitísimas palabras malsoantes, hai un secuestro, escopetas, policía e un plan de rescate, pero tamén hai amizade, compañeirismo e traballo en equipo de cinco heroes cunhas capacidades extraordinarias… PÚBLICO: A partir de 5º de Primaria

12.15 GRUPO DE TEATRO IES AS BARXAS (MOAÑA):

CRÓNICAS DE DÍAS ENTEIROS E NOITES ENTEIRAS

Elenco: África Piñeiro, Alicia Rivas, Noelia Otero

Irene Martínez, Eva Justel, Pedro Seijo, Aldara González,

Laura López, Valeria Pazos, Claudia Fervenza, María Isabel Silva 

Sinopse: Persoas descoñecidas que se atopan nun mesmo espazo onde poder narrar e confesar anacos da súa vida. Cada unha ten o seu propio final, non dependen os uns dos outros. Como fragmentos de fotografías polaroid, estas almas amósanos as súas realidades.


Xoves 25 abril

10.15 h. OBRADOIRO DE TEATRO MARÍA SOLIÑO (CANGAS): 

SUPER DAVID E COMPAÑÍA, de Miguel Sandín.

 

ELENCO:

Xoel Nogueira Hermelo, Leire Portela Otero, Tomás Paredes Santomé, Saúl Paredes Santomé,

Leyre Parcero Vázquez, Alma del Río Rodas e Roque Fernández Estévez.

 

Dirixe, Xoán C. Riobó

 

Sinopse:  Logrará o Megatrío liberarse dos raios policatódicos e viaxar polo buraco espazo-temporal?

Gañará o Home Eléctrico a partida de parchís? A súper-ruín B.B, Bruxa de Brancaneves conseguirá secuestrar ao mellor cirurxián plástico para que lle faga a cirurxía estética e poder ser a modelo máis cotizada do mundo? Todo isto e moito máis nesta divertida ficción que se desenvolve entre humanos, superheroes e personaxes dos contos.

 

Destinada para toda a ESO

12.15 GRUPO: TEATRO SOLIÑOS DO IES MARIA SOLIÑO (CANGAS):

TEATRO PARA NEÓFITOS de Pedro Pablo Riobó Sanluis

ELENCO: Yanira González, Ainara González, Andrea Guimeráns , Mauro Nogueira, Adrián Otero,  María Rosales, Carla Santorio,  Martín Silva

 

Sinopse: Teatro para neófitos é o teatro falando do teatro. Da man dunha guía experta, a obra guía ao espectador neófito a través dos principais xéneros do teatro utilizando a Shakespeare como fío conductor  con particulares versións do seu clásico Romeo e Xulieta. 

Venres 26 de abril

10.15 GRUPO DE TEATRO COLEXIO EDUARDO PONDAL (CANGAS): A NOVA EVA

Elenco:

Alexia Vizoso, Ángela Del Rio, Antía Vaqueiro

Antón Oliveira, Bruno Soliño, Haidy Barreda

Irene Pérez, Isaac Rodas, Jorge Varela

Lucas Garcia  Maria Martinez, Marta Costas

Nicolas Riobó, Uxia Chantada

 

Técnicos: Ivan Pena, Mateo Rosales

 

Colaboracións: Alejandro Torresquesana

Sabela Brión

Guiomar López

Sinopse: Ano 2074 a Xunta de Galicia crea a Consellaría de Saúde Mental, nada e o que parece.

12.15 CLAUSURA DA MOSTRA 

Co grupo invitado: TEATRO ABERTO que representará 

                                        A TRENZA DOS FEITOS AMARGOS.  

A partir do libro “Lola, filla de Cangas”, de Asun Bernárdez, autora tamén do texto.

ELENCO:

Marina Fandiño

Xabier Fernández

Pilar Ferrari

Araceli Gato

Antón Lamapereira

Francisco Lariño

Pilar Malvido

Cristina Rial

Fina Rodríguez

Concha Vizcaya

Serafín Villar

Sinopse: Tempo histórico que abarca desde a Segunda República ata a Guerra Civil. Conta como se desenvolveron os acontecementos máis relevantes e tamén os máis violentos no pobo de Cangas e arredores.

Quédanme moitas cousas que contarvos, pero non quero aflixirvos máis o corazón. Os anos foron pasando dende aqueles tempos de penuria. Os asasinatos foron minguando, mentres os mortos en vida seguiron crecendo durante corenta anos. Case cincuenta homes foron asasinados en Cangas.

Raparon mulleres, negáronlle o traballo a moitas xente, como a meu pai... fixeron o que quixeron.

Mais despois de tantos anos, estou contenta, porque por fin podo subir ao faiado e sacar fóra todos eses nomes escondidos. Puiden sacudir o medo ás palabras, e espallalas ao vento. Que escoite quen queira escoitar. Non quero deixarvos unha testemuña amarga de inxustizas, senón a dunha xente que pensaba que podemos entre todos facer que a vida sexa mellor.

Dirixida especialmente a bacharelato.




martes, 2 de abril de 2024

ENCONTRO COA AUTORA PAULA CARBALLEIRA

 Hoxe levouse a cabo outra nova edición dos Encontros cos autores/as. Hoxe 2 de abril par acomezar este mes dos libros e o próximo maio das Letras realizamos o ENCONTRO COA AUTORA PAULA CARBALLEIRA. 

 Nesta ocasión foi o alumnado de 1º e 2º da ESO quen tivo a fortuna de gozar deste encontro que tivo lugar na primeira parte da mañá no Salón de actos do noso centro. Un ilusionante e suculento coloquio coa autora da novela O Lobishome de Candeán. 


Paula Carballeira é unha escritora especializada na literatura teatral infantil e xuvenil, polo que recibiu varios Premios como o Manuel María. É, ademais de narradora, poeta e dramaturga, contacontos, actriz e guionista. Un dos galardóns máis destacados é o seu Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, a primeira muller galega que o recibe, coa obra  titulada As Alumnas.
























luns, 4 de marzo de 2024

NOVOS BLOG DE 1º DA ESO

 GALEGO 1º ESO onde se reúnen os antigos blogs blogalizando e narciblog. 

VÍCHELO, MIRÁCHELO (2º ESO) nova versión do antigo blog do mesmo nome.

xoves, 22 de febreiro de 2024

Día de Rosalía 23 . febreiro . 1837 propostas creativas de aproximación ao mundo rosaliano.

 




"Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos aínda que ao meu redor sentirá dende o berce xa, o ruido das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.

 

Eu, sen embargo, son libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o pirata no mar. Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu pensamento que se ergue ata o ceo, e descende ata a terra, soberbio como Luzbel, e doce como unha esperanza.

 

Cando os señores da terra me ameazan cunha mirada, ou queren lixar a miña fronte cunha mancha de oprobio, eu ríome coma eles rin, e fago, en apariencia, a miña iniquidade máis grande que a súa iniquidade. No fondo, non obstante, o meu corazón é bo, pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual a miña feitura, e que a súa carne é igual a miña carne.

 

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”



1-  Despois de ler e consultar sobre as palabras que non coñezas.
2- Que nos quere contar Rosalía de Castro neste texto escrito en 1857?

3- Que recursos literarios atopas nestas liñas?




Redacta dous textos distintos e independentes, tras ver estes vídeos e escoitar na aula as pertinentes explicacións sobre a vida a a obra de Rosalía. Os temas destes textos serían:
- O que eu destacaría da vida e obra de Rosalía.
- Como sinto eu que Rosalía está viva hoxe.
Unha última proposta polo día de hoxe, aprende este poema, un dos máis coñecidos da nosa autora:



Cando penso que te fuches
negra sombra que me asombras,
ó pe dos meus cabezales
tornas facéndome mofa. 

Cando maxino que es ida
no mesmo sol te me amostras
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa. 

Si cantan, es ti que cantas
si choran, es ti que choras
i es o marmurio do río
i es a noite, i es a aurora.

En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.





xoves, 28 de setembro de 2023

PREMIO NACIONAL DE POESÍA 2023 para YOLANDA CASTAÑO



Outra nova que nos alegra infinito, unha poeta que aínda ten moito que dicir.  Premo Nacional de Poesía paraYolanda Castaño polo libro Materia.

Unha entrevista na prensa

unha entrevista en tvG


domingo, 10 de setembro de 2023

Dúas novas para comezar o curso. Unha ben feliz, a outra un pouco máis tristeira.

 Dúas novas para comezar o curso. Unha ben feliz, a outra un pouco máis tristeira.



1 de setembro 2023 Paula Carballeira gaña o Premio Nacional de Literatura Dramática co texto: "As alumnas." Este Premio outorgado polo Ministerio de Cultura na modalidade dramática é a primeira vez que se lle concede a unha autora galega. Anteriormente dous dramaturgos galegos levaran este galardón, pero foi Paula Carballeira este ano a que á terceira logra este importante recoñecemento. 



O pasado 7 de setembro lamentablemente deixounos a autora dun monumental traballo de índole


folclórico, o Cancioneiro Popular de Galicia, obra de Dorothé Schubart de gran importancia por ser o mellor e máis moderno dos cancioneiros da tradición oral galega que temos. Unha fonte enorme de traballos e creaccións musicolóxicas de todo tipo que hoxe podemos consultar grazas ao labor de recolleita
que esta muller suíza logrou recompilar coa colaboración do filólogo galego Antón Santamarina.    

Nova en Nós diario

mércores, 21 de xuño de 2023

Tres marabillas para rematar o curso: O raio verde e a flor da auga no solsticio e a serea mariña.

 Unha marabila máis que podemos observar  no noso país con especial sentimento e emoción. Temos máis de 1000 quilómetros de costa para ver ese derradeiro raio de liz, o raio verde no solpor deste día máxico do Solsticio. E se Galicia é a terra dos mil ríos, son varios os milleiros de fontes que agroman por calquera parta para ir na procura das correntes maiores, regatos e ríos, mesmo do mar nas  nosas rías. Pois ben nas fontes no albor do día de hoxe podemos ver a flor da auga esa flor que nace xusto cando se ilumina cos primeiros raios do sol que nace máis forte na auga na fonte,  nas centos de fontes da nosa terra. 


Ambas están presentes na nosa literatura popular na nosa tradición oral... Outramente na nosa tradición e no escudo dos Mariño, hai unha serea. A serea Mariña foi capturada polo señor do pazo dos Goiáns seica nunha praia de Sálvora á quen pertencía esta illa. Aquela criatura con rabo de peixe foi levada a torre do pazo que este señor tiña en Boiro e disque a serea non falaba, permanecía muda. O señor Froilaz coidaba dela e conversaba, cantáballe e conversaba con ela con todo tipo de atencións e detalles aínda que da fermosa serea á que lle puxo o nome de Mariña non saíse palabra ningunha. Co tempo aquela serea comezou a sentir afecto por aquel home que notábaselle que estaba namorado perdidamente dela. Disque as sereas perden a cola de peixe e nácenlle as pernas cando namoran e así se entende que Mariña e maís o señor do pazo acabasne por casar e ter un fillo con ela. Mais Mariña, a pesar de ser feliz e saír da torre a pasear leda co seu filliño polos xardíns do pazo non dicía ren. 

Viña o tempo do solsticio e no pazo a servidume preparou unha cacharela para celebrar o San Xoán e os señores do pazo asistiron ao ritual alegre. Cando a fogueira ardía con furor o señor do pazo  pediulle o meniño a súa esposa Mariña que ata ese momento permanecera no seu colo e unha vez que estivo nos seus brazos o señor Froilaz finxiu que ía arroxar ao neno ao lume. tanta impresión causou aquela imprevista decisión do seu home que berrou de contado: Ai, meu fillo querido!!! E dende aquela, despois do susto e de perdoar ao seu home xa nunca máis deixou de falar e mesmo cantar como disque adoitan facer tan ben as sereas.