xoves, 18 de xuño de 2015

REMATAMOS O CURSO NO TEATRO

Un texto sobre o sentido crítico, lema do curso levounos ao teatro para ver unha representación titulada MULLERES QUE NON SÓ FIARON LÁ que realizaron os alumnos/as de 4º da ESO  para reflexionar sobre o feito de ser muller a partir da mitoloxía da Antiga Grecia e tamén das obras de clásicos como Sófocles, Eurípides e Aristófanes, unha reflexión que pretende dialogar co presente, coas mulleres e homes que viven hoxe ese mesmo conflito do ser que provoca problemas tan serios como a violencia de xénero e outras terribles lacras derivadas do machismo.

Aquí deixamos unha reportaxe fotográfica dalgunhas das escenas representadas:

D
Dende o país dun tal Breogán, comezan as historias...comezan as historias con homes encumados. Rematan sempre todos con mulleres que os salvaron da morte do intelecto, de insectos que os picaron, de turbias lendas vellas que non queren nin lembrar'...












Que nos levan ata aquel mundo antigo onde as mulleres só fiaban lá...


no que crían que as Moiras fiaban os finos fíos que eran as nosas débiles vidas que algúndía elas tamén cortaban ...

...e contaban na antiga Grecia que a primeira muller culpable de todos os males fora Pandora...


mais nós sabemos que foi ela quen trouxo para as mulleres, ademais da beleza de Afrodita, a intelixencia de Atenea, e para toda a humanidade a esperanza...

Logo  na Creta do labirinto e do Minotauro, houbo mulleres  como Ariadna que soñaron cun home como Teseo ao que lle entregaron o nobelo que lles fora entregado ao nacer coa esperanza de que as liberase...


pero axiña chegou a desilusión ao seren abandonadas por eses Teseos...

Noutra illa grega, unha triste e desesperanzada Penélope despide a Ulises que parte para a guerra que os homes gregos levan por mar a Troia. E en Troia, despois dun longo asedio, os soldados fan das mulleres troianas, despois de matar a todos os varóns, adultos e nenos, un botín antes de incendiar a cidade rica en ouro...




...e as troianas, como ocorre en tantas e tantas guerras dos homes de onte e de hoxe, foron feitas escravas dos homes gregos...


Namentres Penélope segue esperando o regreso do seu home tecendo e destecendo no tear para entreter aos pretendentes que ansian apoderarse dela e do reino de Ulises.


Noutrora, tamén na Grecia Antiga, na cidade de Tebas dous homes pelexan polo poder da cidade, son irmáns, fillos de Edipo. Os homes tebanos ven a un como o seu caudillo, pero ao outro considérano o seu inimigo. Por iso cando morren en batalla o seu cadáver vai ser abandonado para que o coman os cans e os voitres... 



Antígona, filla de Edipo, irmá de ambos mortos, pretende entón soterrar o cadáver de Polinices, seu irmán desterrado, Pero Ismene, a outra filla de Edipo, advírtelle que está tola, que a lei dos homes de Tebas prohibe tal cousa. Antígona, comprendendo que está soa decide enfrontarse ao poder absurdo que impide enterrar ao seu irmán sabendo que se o fai será condenada a morte, Ela defende que a lei dos homes está por debaixo da xusticia e da lei dos deuses.



Por fin Lisístrata convoca ás mulleres de Atenas e do mundo para disolver os exércitos convencida da fortaleza do sexo feminino e cuxo eco nos trasladará de novo ao século XXI onde as mulleres de hoxe no país de Breogán conscientes  reivindican tras séculos de forza o seu lugar. 


 'Nós aleitadoras, nós conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá"

Ningún comentario: